O alumnado da Mariña súmase á loita dos obreiros de Alcoa para clamar por un futuro: “non queremos emigrar”

Unhas 6.000 persoas, entre profesorado, estudantes, pais e nais, traballadores e veciños, marchan para esixir ás Administracións que eviten coa intervención o peche a planta de aluminio


Milleiros de persoas -6.000 segundo a Garda Civil– marcharon este domingo en San Cibrao, co alumnado de secundaria á fronte, para reclamar a Xunta de Galicia e Goberno central que dean un futuro, a través da intervención pública, á planta de aluminio do complexo industrial de Alcoa, na que a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría a máis de 900 obreiros entre a factoría e a industria auxiliar.

A MOCIDADE, Á FRONTE

O estudantado dos centros educativos da Mariña liderou unha manifestación especialmente emotiva, que partiu do cruzamento do Castelo ata a factoría de San Cibrao. Entre cánticos como “a solución, unha intervención”, “as cubas non se paran”, “queremos traballar e non emigrar” ou “A Mariña sálvase loitando”, estudantes e profesores fóronse achegando á planta mentres a un lado e a outro da estrada agardaban os traballadores e as familias, que os recibiron cun cálido aplauso. Finalmente marcharon todos xuntos cara o corazón industrial da bisbarra, que por agora segue latendo contra todos os pesares.

A manifestación quixo simbolizar que a pretensión de Alcoa de pechar a planta de aluminio, despois de negarse a aceptar ofertas de compra da siderúrxica británica Liberty House e da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), significaría non só o despedimento de case un milleiro de traballadores e un golpe económico para centos de empresas e negocios da comarca, senón tamén negarlle á mocidade -en plena crise socioeconómica pola pandemia do coronavirusunha saída laboral digna que deu pan e estabilidade a tres xeracións anteriores de mariñaos.

Milleiros de persoas reuníronse fronte á fábrica. CEDIDA

RECLAMAN A CONTINUIDADE DUNHA SAÍDA LABORAL DIGNA PARA TRES XERACIÓNS DE MARIÑAOS

Sábense, se Alcoa pecha, sen alternativas, condenados a marchar. Dani e Nicolás estudan no IES Vilar Ponte de Viveiro. Na familia de Nicolás non hai ninguén afectado en principio polo despedimento colectivo, pero “estou aquí axudando a que a fábrica non peche porque isto é cousa de todos”, remarca. Dani, que meses atrás pendurou un vídeo en redes que se fixo viral, vive o drama do conflito laboral na casa: seu pai traballa en Alcoa desde hai 13 anos. Nos seus ollos, por riba da máscara, percíbese a súa xuventude, todo o tempo que lle queda por diante, pero hoxe leva un casco de obreiro e unha pancarta: “non queremos emigrar”.

O alumnado do IES Illa de Sarón de Xove comandaba a comitiva, cun lema contundente: “polo noso futuro”. O departamento de Electrodos, ao cargo da fábrica, saudou a chegada dos manifestantes, e ata o tren de ancho métrico, o Feve da Mariña -o único convoi que cubre diariamente a ruta Ferrol-Ribadeo– se adheriu á protesta facendo soar o claxon mentres se dirixía cara o destino.

TODOS AFECTADOS POLO CONFLITO LABORAL

Aínda que a convocatoria tanto dos centros educativos como das Anpas de Cervo e Xove -do IES Marques de Sargadelos e do centro educativo xovense– focalizouse no alumnado de secundaria, tamén participaron escolares e universitarios, como o grupo que formaban Nerea, Marga, Paula, Natalia, Mateo e Sofía, mozos e mozas de Xove que hoxe estudan en Lugo, Santiago de Compostela ou A Coruña. A algúns deles o conflito laboral aféctalles directamente: “meu pai traballa en Industrias Xove, unha auxiliar, e de pechar a fábrica de aluminio seguramente pecharía a empresa tamén”, expón unha delas. Pero todos se sinten implicados co que ocorra co motor industrial da Mariña: “esta factoría fixo medrar a economía desta bisbarra, deu unha calidade de vida. Se a cerran moitos negocios non seguirían e habería que buscar a vida noutro lado”, remarca unha compañeira.

O COMITÉ: “XUNTA E GOBERNO ESTÁN TARDANDO EN INTERVIR A FÁBRICA”

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, asegurou que “estes rapaces e rapazas poderían entrar a traballar dentro duns anos na fábrica; para iso necesitamos que a fábrica siga funcionando, necesitamos emprego”, remarcou.

“A Mariña está dicindo hoxe claramente que non pode ser que haxa dous Gobernos sigan na inacción mentres unha multinacional bota á rúa un milleiro de traballadores e con eles a unha comarca”, salientou.

“Hai que tomar unha decisión política: facemos aluminio primario ou non? Somos un país soberano ou non? Nós dicimos que si, e dicimos que non a que unha multinacional pase por riba deste país. A Xunta dixo que se Alcoa actuaba de mala fe pediría a intervención e non o fixo; xa tiña que estar solicitada, leva dous días de atraso. E o Goberno central ten que inmediatamente abrir un expediente para esa expropiación”, expuxo Zan.

“NON IMOS PERMITIR QUE PAREN AS CUBAS”

“Polo de agora só temos declaracións públicas nas que se nos convida a impugnar o ERE. Iso xa o facemos os sindicatos sempre, de feito esta semana, como moi tarde o mércores, xa se concretará a impugnación; pero aquí o que faltan son decisións políticas”, argumentou o sindicalista. Zan concretou que polo de agora non chegaron cartas de despedimento e insistiu en que “non imos permitir que paren as cubas; se queren apagalas terán que vir (a ministra de Industria) Maroto e (a ministra de Transición Ecolóxica) Ribera a facelo. Tivemos que mantelas acendidas arriscándonos durante o estado de alarma pola Covid-19, porque esta industria é necesaria para o sector farmacéutico e de alimentación, e van seguir acendidas”, espetou.

A representación dos traballadores insta así ás Administracións a que interveñan a fábrica, declarando a planta de aluminio como “estratéxica” para o Estado, e se “deixen de contos”.

Os obreiros amosaron cun cartel o seu apoio ao posible investidor, Liberty House. CEDIDA

INTENSIFICARÁN AS PROTESTAS

Os sindicatos afirmaron que a folga indefinida seguirá e advertiron de que as medidas de protesta intensificaranse nos próximos días, pero “agora quenes teñen que mover ficha son as Administracións. Que máis ten que facer A Mariña para que lle fagan caso?”, zanxou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here